Notas sobre o Soc.Culture.Galiza

O grupo de novas Soc.Culture.Galiza é un grupo moderado. Máis exactamente un grupo robomoderado, i.e. a moderación é levada a cabo automaticamente polo programa STUMP  de Igor Chudov. O robot non entra no contido dos artigos, de xeito que non hai censura polo dito contido, senón por motivos de forma.
 

Causas do rexeitamento dun artigo enviado a S.C.G

  1. Que fora enviado a máis de 4 grupos simultaneamente. (Crossposting)
  2. Que fora enviado a 2 ou máis grupos moderados simultaneamente. Debido a certas deficiencias da USENET o robot non aprova nengun artigo enviado a máis de dun grupo moderado. Pois en caso contrário o artigo entraria directamente no outro grupo moderado, sen pasar polo filtro do dito grupo.

  3.  

Distribución de artigos

Cando unha persoa envia un artigo, este é dirixido polo seu servidor de novas ao enderezo scg@usc.es, onde se acha o robot. O robot verifica se cumpre as condicións para ser aceite ou rexeitado. Caso de ser aceite inxectao nun servidor da novas 1 ,   e de ai distribue-se ao resto da USENET. Ao receber un artigo o robot responde ao autor indicando-lle se o dito artigo foi aceite ou rexeitado, mais se o enderezo que aparece no cabezallo do artigo é falso, loxicamente tal aviso non da chegado.
 

A velocidade do grupo

Pode parecer que o grupo Soc.Culture.Galiza é máis lento, por ser moderado, que os grupos non moderados. Isto non é de todo certo. A verdade resulta dificil compar as velocidades dos grupos moderados e dos non moderados. Certo que cando unha persoa envia un artigo a un grupo non moderado o ve aparecer rapidamente no seu servidor, mais isto non significa que xa estea a disposición de toda a USENET.   Como se explica no magnifico FAQ sobre as novas de Miguel Conde a distribución das novas é un asunto complexo, e pode ocorrer que ao se transmitir un artigo entre dous servidores na mesma cidade pase por outro continente. No caso do Soc.Culture.Galiza a velocidade de recepción de artigos depende da distáncia, en servidores, do servidor onde se inxecten as novas 2  .Claro que nun grupo non moderado3  os artigos tamén teñen que andar dun servidor para outro, a diferéncia é o ponto de partida, que no caso do SCG é  un servidor nos EUA, e no caso doutro grupo é o servidor do autor.
 

Duración dun artigo nun servidor

Nun servidor de novas estan entrando continuamente novos artigos, dado o capacidade finita de calquer sistema de armacenamento, resulta imprescindíbel ir eliminando artigos vellos para deixar paso aos novos. De xeito que en cada servidor manten-se cada artigo durante un tempo determinado, pasado o cal elimina-se. O tempo de armacenamento depende do administrador de cada servidor, sendo é o que fixa os tempos de caducidade, que poden variar de grupo a grupo. En xeral os tempos de armacenamento dun grupo varian dun servidor a outro, e non dependen en absoluto do robot.
 

Almacenamento e consulta de artigos

Todos os artigos que chegan ao robot, tanto os aceites como os rexeitados, son armacenados e poden ser consultados nos  Arquivos do SCG . Debido a problemas de espazo por agora só poden ser consultados directamente as mensaxes enviadas nos últimos 12 meses, mais todos os outros artigos están armacendados. Para obte-lo só tes que escreber-me.
     

Outras ligazóns de interese

Última actualización: 13 de Decembro de 1998.
Voltar a páxina inicial.


Notas

[1]   Anteriormente o robot inxectaba a nova no servidor de novas da Universidade de Santiago de Compostela, mais debido a problemas de distribución ultimamente ven usando os servidores news.wwa.com ou news.stanford.edu, ambos nos EUA.

[2]  Así por exemplo un dos últimos artigos recebidos no servidor de novas da USC seguira a seguinte traxectoria: foi inxectado no servidor da Universidade de Staford (news.stanford.edu) nos EUA, de ai pasou ao servidor da Universidade de Berkeley (newsfeed.berkeley.edu), seguidamente foi polos servidores -supoño que americanos- netnews.com e newspeer1.nac.net, de onde pasou a un servidor holandes (newsfeed.wirehub.nl), seguidamente foi ao servidor het.net (esperemos que europeo), e dai a outro servidor holandes (newsgate.cistron.nl), a continuación pasou por Bélxica (news.belnet.be), chegou a España (news.rediris.es), pasou a Galiza (ds.cesga.news) e por fin chegou ao servidor da Universidade de Santiago (news.usc.es)

[3] Por exemplo un dos últimos artigos recebidos no servidor de novas da USC no grupo non moderado es.comp.os.linux seguiu a seguinte traxectoria: foi inxectado no servidor español news.mad.ibernet.es, de onde pasou a newsfeed.bcn.ibernet.es, con animo de coñecer mundo deu entón o salto a Alemania (fu-berlin.de), seguiu por Alemania (news-fra1.dfn.de), pasou a Suiza (news-ge.switch.ch) e voltou a España (news.rediris.es), dirixindo-se entón cara a Galiza (ds.cesga.es), chegando por último ao servidor da Universidade de Santiago (news.usc.es).